1º premio na categoría infantil e modalidade de relato, no XI Certame Literario “Terras de Chamoso” con data 16 de decembro de 2017, convocado pola Asociación Cultural Arumes do Corgo, co meu relato: “Carmen, a esperanza de dona Gloria”.
Formando parte do xurado:
Xurxo Xosé Rodríguez Lozano
Xosé Manuel Castro Castedo
Dna. Ánxela Gracián
Carlos Coira Nieto
Mario Outeiro Iglesias
Exercendo de secretaria do xurado, sen voto, a presidenta da A.C. Arumes do Corgo Dna. Josefa González Díaz.
Colaborando co xurado:
Dna. Mª Consuelo Vázquez Castro
D. Manuel Fernández López
Vivían nunha pequena aldea, rodeada de bosque por todos os recunchos. A cidade máis próxima atopábase a trinta minutos a pé.
No século XX, a mediados de decembro do ano 1956, naceu Carmen. Era a última de cinco irmáns: Antón, María, Manoel e Xosé. Fillos dunha costureira, a mellor do pobo, e un mestre de escola que facía moito tempo que non exercía.
No día do nacemento da pequena ía moito frío. Nada máis nacer comezou a rir, as folerpas comezaron a caer e así a familia Castro deu a benvida a un longo inverno.
Carmen era loura e de ollos claros, ao contrario que todo o resto da familia. O seu pai sempre lle dicía que era o claro retrato da súa defunta bisavoa, tiña a pel clara e as súas meixelas sempre estaban encarnadas. Dende pequena sobordou sempre ledicia e era a alegría de todo o pobo.
Carmen foi cumprindo anos, sempre co seu gran sorriso, sempre chea de vida e felicidade e, cada vez máis fermosa.
Cando cumpriu os seis anos comezou na escola, unha pequena e vella escola con poucos alumnos pero na que podería aprender, o seu pai non o dubidaba, despois de tantos anos aínda confiaba plenamente nos seus antigos compañeiros de traballo.
A pequena o primeiro día, foi cos seus dous irmáns maiores ata a escola. Antón e María xa non estudaban, eles axudaban nas labores do campo e da casa.
Carmen camiñaba alegremente co seu novo vestido que lle fixera a súa nai, mentres Manoel e Xosé camiñaban detrás dela mirándoa con agarimo e chanceando entre eles.
Cando chegaron á escola tivéronse que separar, tíñanse que colocar en ringleiras segundo a súa idade, e aos poucos foron entrando no edificio e dirixíndose ás súas respectivas aulas. Xa na clase todos sentaron nos seus pupitres e agardaron ata que chegou a súa mestra, e cando entrou todas as alumnas puxéronse en pé. O seu cabelo longo levábao recollido nun moño moi ben feito. Vestía unha gran saia que lle chegaba ata os nocellos, era de cor caramelo e cunha puntilla branca, a Carmen soáballe aquela saia, seguro que lla comprara á súa nai. Levaba tamén unha blusa branca e dun pequeno peto da saia, asomaban un xiz e unha pluma.
A profesora presentouse e pasou lista, despois como sempre se facía, dixeron a oración do día e comezaron a dar clase sen présa pero sen pausa.
A Carmen todo o que contaba dona Gloria e todo o que poñía na pequeña enciclopedia parecíalle moi interesante, aínda que non sabía ler, algunhas cousas entendía grazas á axuda do seu irmán Antón que llas ensinara durante o verán.
Despois de moito aprender os alumnos saíron ao recreo, a un pequeno patio dividido por unha raia marcada no chan, nun lado xogaban as nenas e ó outro os nenos.
Carmen e as súas compañeiras sentaron á sombra dunhas árbores e comezaron a xogar coas súas bonecas de trapo. Carmen estaba orgullosa da súa, fixéraa con pequenos anacos de tea que non lle servían á súa nai e, aos poucos conseguira acabala. Tentara facela parecida a se mesma, pero esquecérase dun pequeno detalle, de facerlle o lunar que ela tiña na súa man esquerda.
Cando xa levaban un tempo xogando, Carmen observou a dona Gloria na entrada ó colexio, estaba a chamala, facíalle un xesto coa man para que se achegase. Carmen colleu a súa boneca e levantouse, camiñou amodo cara á súa mestra e cando xa estivo canda ela convidouna a pasar a clase.
Xa na clase, a mestra díxolle a Carmen que sentase, e ela obedeceu. Dona Gloria achegouse e ficou ao seu lado calada, só se escoitaba a súa respiración, colleu aire e entón comezou a falar–: Umm… non sei como dicir isto, máis creo que ti es especial, que ti es diferente ao resto das nenas. Ti vas cambiar aínda que só sexa un pouco este pobo, asegúrocho, eu confío en ti.
Dona Gloria calou un intre como revisando todo o que acababa de dicir.
–Si, por suposto, ti conseguiralo –volveu repetir convencéndose a se mesma–. Sígueme Carmen, se fas o favor.
A mestra movíase con axilidade polos corredores da escola. Carmen tentaba seguila o mellor que podía, mais non conseguía coller o seu ritmo. Dona Gloria por fin parouse, de súpeto, sen previo aviso e, Carmen quedou inmóbil ó seu lado diante dun gran espello.
–Este espello é unha porta a un mundo diferente e case igual ao mesmo tempo. Este espello conseguirá abrirche os ollos no outro lado. Ti terás que axudar a cambiar á xente, sei que é unha tarefa difícil, que moitos non o conseguirían, pero ti conseguiralo.
Carmen deu un paso cara ó espello.
–Estou preparada –dixo, e dedicoulle un fermoso sorriso a dona Gloria–. Ata pronto.
Despediuse e atravesou o cristal no que se reflectía a súa imaxe. Entón apareceu no mesmo lugar: no corredor. Alí seguía a súa mestra exactamente igual que antes, mais había algo distinto, agora todo estaba en branco e negro, igual que nas fotografías dos xornais.
–Notas algunha diferenza? –preguntoulle dona Gloria a Carmen.
–Por suposto –contestou ela asombrada.
–Cada vez que axudes a alguén a ser mellor, esa persoa encherase de cor. Cando xa creas que o teu traballo rematou, só tes que volver a esta escola, a este corredor e, atravesar o espello. Cando o fagas xa non poderás volver pasar por el nunca máis e, ti, como fixen eu, terás que atopar a outra persoa que encha de cor este pobo. Ó acabar de falar despediuse de Carmen e marchou.
–Grazas dona Gloria –dixo ela cando a súa mestra estaba a uns metros de distancia.
–Grazas a ti, Carmen –pareceu dicir a mestra. E entón comezou a encherse de cor, tal como ela a lembraba.
Carmen saíu ao patio, todo estaba en branco e negro: os nenos, as nenas, os mestres, os xoguetes… Sacou da carteira a súa boneca e tamén estaba gris. A Carmen non lle gustaba aquel mundo tan triste, tampouco lle gustaba así a súa boneca, xa non se parecía a ela, xa non tiña o cabelo louro nin os ollos da mesma cor que os seus. Con coidado, Carmen axeitoulle o vestido e peiteoulle o pelo gris feito con fío de la, e aos poucos a boneca de trapo encheuse de cor e volveu ser a boneca máis fermosa de todo o pobo.
Despois soou a campá para que todos os nenos e nenas voltasen a clase. Carmen e as súas compañeiras foron as primeiras en chegar á súa aula, sentaron e agardaron a que chegasen o resto das nenas. Cando xa estaban todas entrou pola porta un mestre que non coñecían.
–Bos días. Eu son don Ricardo, e substituirei a dona Gloria ata que regrese á escola.
Pasaron as clases, os días e os meses e, dona Gloria nunca volveu. Todo o pobo preguntáballe porqué deixara a escola, así dun día para outro, tan repentinamente e, ela sempre contestaba o mesmo–: Xa levo moitos anos traballando nesa escola, xa fixen todo o que puiden. Agora tócalles a outros facer o meu labor.
Carmen era a única que sabía o que en realidade significaban esas palabras. E feliz como sempre, foi pintando aos poucos aquela pequena aldea rodeada de bosque por todos os recunchos.