María Calvar Giráldez (Agosto 2018)
(Para a 19ª Edición dos Relatos de Verán das Páxinas Literarias de: La Voz de Galicia 2018)
(Relato publicado en: La Voz de Galicia, con data 27 de agosto do 2018)
A aventura de Gabriela comezou cunha choiva miudiña. Os veciños non tardaron moito en sacar os seus paraugas grises, iguais que o seu estado de ánimo. Gabriela chamaba a atención entre tantos rostros tristes, era a única que desprendía ledicia.
Meteu a man no peto do seu abrigo favorito e sacou o papel engurrado que aparecera había meses por encantamento nel. Aínda se podía ler a misteriosa frase que estaba escrita cunha perfecta caligrafía: «É de grande importancia que vostede se reúna comigo. O lugar de encontro será a vella xeadería da Praza Maior, no próximo día de choiva. Atentamente: Diego Abril». Gabriela camiñaba lentamente entre a xente que corría dun lado cara a outro, e ao chegar abriu a porta do local que cedeu sen opoñer resistencia ningunha. Dentro non había ninguén, as luces estaban apagadas e as cadeiras sobre as vellas mesas.
Virouse e conseguiu ver a un home de aspecto peculiar sentado nunha das mesas.
-Bos días. Es ti Diego Abril? -preguntou.
-Si, pero por favor, chámame Abril.
Gabriela achegouse á mesa e sentou ao seu carón. O home fixo un xesto coa man e ao instante apareceu un gran xeado xusto en fronte dela e comezou a contar a historia da xeadería máxica:
-Hai tempo unha familia de magos decidiu crear unha xeadería, nela facían os xeados máis deliciosos de toda a vila, mais o que ninguén sabía era que estes doces tamén eran máxicos e facían felices a todos os que os tomaban. O único inconveniente era que os magos deixaban unha parte da súa maxia en cada un deles. A xeadería foi de xeración en xeración ata chegar a min. Agora o meu problema é que non teño ningún herdeiro a quen deixarlla, polo que me vin na obriga a escribir a nota que gardas no teu peto, e facer que voase ata as mans da persoa máis axeitada para atendela e, con bo criterio, chegou ata ti. Queres ser ti a nova xeadeira máxica?