A ledicia nuns xeados

A miña árbore bombeira
08/05/2018
La Voz de Galicia – 27 de agosto do 2018
27/08/2018

A ledicia nuns xeados

María Calvar Giráldez (Agosto 2018)

(Para a 19ª Edición dos Relatos de Verán das Páxinas Literarias de: La Voz de Galicia 2018)

(Relato publicado en: La Voz de Galicia, con data 27 de agosto do 2018)

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2018/08/27/span-langgl-ledicia-nuns-xeadosspan/0003_201808G27P32991.htm

A ledicia nuns xeados

A aventura de Gabriela comezou cunha choiva miudiña. Os veciños non tardaron moito en sacar os seus paraugas grises, iguais que o seu estado de ánimo. Gabriela chamaba a atención entre tantos rostros tristes, era a única que desprendía ledicia.

Meteu a man no peto do seu abrigo favorito e sacou o papel engurrado que aparecera había meses por encantamento nel. Aínda se podía ler a misteriosa frase que estaba escrita cunha perfecta caligrafía: «É de grande importancia que vostede se reúna comigo. O lugar de encontro será a vella xeadería da Praza Maior, no próximo día de choiva. Atentamente: Diego Abril». Gabriela camiñaba lentamente entre a xente que corría dun lado cara a outro, e ao chegar abriu a porta do local que cedeu sen opoñer resistencia ningunha. Dentro non había ninguén, as luces estaban apagadas e as cadeiras sobre as vellas mesas.

 -Bos días -escoitou Gabriela.

Virouse e conseguiu ver a un home de aspecto peculiar sentado nunha das mesas.

-Bos días. Es ti Diego Abril? -preguntou.

-Si, pero por favor, chámame Abril.

Gabriela achegouse á mesa e sentou ao seu carón. O home fixo un xesto coa man e ao instante apareceu un gran xeado xusto en fronte dela e comezou a contar a historia da xeadería máxica:

-Hai tempo unha familia de magos decidiu crear unha xeadería, nela facían os xeados máis deliciosos de toda a vila, mais o que ninguén sabía era que estes doces tamén eran máxicos e facían felices a todos os que os tomaban. O único inconveniente era que os magos deixaban unha parte da súa maxia en cada un deles. A xeadería foi de xeración en xeración ata chegar a min. Agora o meu problema é que non teño ningún herdeiro a quen deixarlla, polo que me vin na obriga a escribir a nota que gardas no teu peto, e facer que voase ata as mans da persoa máis axeitada para atendela e, con bo criterio, chegou ata ti. Queres ser ti a nova xeadeira máxica?

 -Si, e prométoche que coidarei da túa xeadería -Gabriela fixo un xesto coa man e outro xeado apareceu sobre a mesa; este era aínda máis fermoso.
Diego Abril colleu cunha culler un pequeno anaco e, cando o meteu na boca, desapareceu sen deixar rastro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *