A estación dos Bicos

Pontevedra Viva Radio – 14 de novembro do 2016
14/11/2016
V Certame de Relato Curto (2017) – Editorial Kalandraka
30/05/2017

A estación dos Bicos

Fun seleccionada na Categoría de Secundaría no V Certame de Relato Curto da FANPA de entre os 804 relatos presentados, co meu relato «A estación dos Bicos». A listaxe de finalistas está publicada en:

http://certame.nontedurmas.org

Segundo as bases todos os relatos finalistas serán editados nun libro pola editorial Kalandraka.



A estación dos Bicos

 

 

Ía frío no andén do metro. Case non había xente, mais eu levaba un bo anaco de pé esperándoo.

Sentín o estrondo que fai sempre, estábase a achegar e entón vino. Era moi fermoso, branco e con dúas raias vermellas, tal e como me contaran. Parou diante de min, as portas abríronse e eu entrei.

A seguinte parada era a chamada «Bicos de nais e pais». Nela estaban os bicos que che dá unha nai cando choras porque ías correndo polas escaleiras e un paso en falso che fai caer, e iso que ela xa cho dixera: «Non corras polas escaleiras», pero, aínda así, ela dáche un bico, que é mellor que calquera tirita ou venda.

Pero hoxe non, eu non andaba a buscar un bico así. O metro parou e as portas abríronse. Pouca xente baixou. A cada un esperábao un bico diferente.

A seguinte parada chamábase «Bicos de primavera». Aqueles bicos que estaban alí eran os bicos que se dan dous namorados en pleno ballón repentino, pero que despois, ao día seguinte, un dos dous desaparece, e a outra persoa non volve saber nada máis del, pero o recordo dese bico quedará na súa memoria para sempre. Tampouco era o que andaba a buscar, non quería un amor que despois desaparecese.

O metro seguiu a súa viaxe: «Bicos esquecidos», «Bicos que non se deron», «Bicos de improviso», «Bicos eternos», «Bicos con sabor a amorodo»…

Viaxei por todas as paradas ata volver á primeira, onde collera o metro, a chamada «A estación dos Bicos». Non atopei ningún do meu agrado. Baixei do metro, subín as escaleiras e saín á superficie. Respirei fondo e sorrín. Se cadra non tiña que buscar o bico perfecto, seguro que algún día sen contalo atoparíao.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *